luns, 2 de novembro de 2015

Camiños de Santiago

Percorrer o Camiño de Santiago é, sen dúbida, unha experiencia que os peregrinos non esquecen con facilidade. As paisaxes que te deixan sen respiración, as persoas que se coñecen nas rutas e estradas, as longas e, ás veces, duras horas camiñando; todo isto para chegar á meta e saudar ao Apóstolo. Obviamente, se tes tempo! Cando non o hai, tes que darlle ao maxín e pensar rutas alternativas que paguen a pena. E unha idea curiosa foi facer un camiño de camiños.

A nosa primeira parada foi a Praza do Obradoiro, lugar no que conflúen grandes poderes representados pola catedral (poder eclesiástico), o Hostal dos Reis Católicos (turismo), Pazo de Raxoi (poder político) e o Colexio de San Xerome (Universidade). Marchamos cara ao oeste pola rúa das Hortas e desviándonos, axiña atopamos unhas vistas incribles e pouco coñecidas da parte posterior do Pazo de Raxoi . Seguimos a través do parque da Alameda e pola Carballeira de Santa Susana, tendo alí outras vistas fermosas da praza do Obradoiro. O derradeiro punto visitado da mañá foi o Pazo de San Lourenzo, dentro do camiño de Fisterra. Cara ao sur estaba o camiño portugués mais non había tempo e xa comezaba a falar por si mesmo o bandullo.

Para comer trasladámonos a Ponte Maceira, un punto especial no Camiño de Fisterra. Disque os discípulos de Santiago Apóstolo cruzaron a ponte co seu corpo ao lombo, escapando dos romanos. Segundo a lenda, a antiga ponte derrubárase por providencia divina cando os perseguidores tentaban cruzar o Tambre, permitindo así escapar aos cristiáns.  A actual ponte data  do século XIII e mestúrase á perfección coa natureza do lugar. Consta dunha pequena présa que desvía parte do caudal cara aos lados nos que se situaron muíños.

Despois de disfrutar desta pequena poboación voltamos a Santiago e percorremos un anaco do camiño francés até chegar á Praza da Quintana. Non quedou máis nada que visitar a Catedral e perderse un pouco nas rúas santiaguesas antes de partir de novo á Coruña.