mércores, 11 de outubro de 2017

Viaxes e visitas previstas en setembro e outubro

Unha das actividades máis habituais de INCUDE son as visitas culturais, que queremos aumentar neste curso que vén de comezar.

Nos anos pasados facíamos unha viaxe ao comezo do curso en autobús. Pero este ano pensamos que pode resultar mellor se os interesados van pola súa conta e ao seu ritmo.

En calquera caso, nas excursións fora da cidade tentaremos alugar unha furgoneta de 9 prazas na que os interesados poderán facer a viaxe.

De existir nunha excursión máis de 25 interesados estudaríamos o aluguer dun autobús para a data en concreto na que haxa a demanda.

Polo tanto, agradecemos a inscrición canto antes por se é necesario o aluguer de autobuses.

Estas son as actividades que temos previstas para as vindeiras semanas:


VISITA AO CASTRO DE VILADONGA.
Data prevista: Sábado 23 de setembro de 2017
Unha tarde para visitar o Castro de Viladonga e o seu museo a 112 quilómetros da Coruña.
Horario: Saída dende o CUR ás 15,30
Para os que vaian pola súa conta, a hora de encontro en Viladonga sería ás 17,00.
Cota viaxe en furgoneta 9 prazas: 10 euros.


VISITA Á CAPITAL DA RIBEIRA SACRA: MONFORTE.
Data prevista: Domingo 1 de outubro de 2017
Unha xornada para visitar o Museo do Ferrocarril, o Museo de Arte Sacra e o Centro do Viño.
Horario: Saída dende o CUR ás 09,30
Para os que vaian pola súa conta, a hora de encontro no Museo do Ferrocarril sería ás 12,00.
Cota viaxe en furgoneta 9 prazas ou autobús (con máis de 25 interesados): 20 euros (inclúe as entradas aos museos).


VISITA AO CASTRO DE ELVIÑA.
Data prevista: Domingo 8 de outubro de 2017
Un dos clásicos nas visitas de INCUDE. O castro de Elviña é decoñecido mesmo para moitos dos que estudan (ou traballan) a poucos metros de distancia.
Hora: 11,45 diante da Facultade de Economía e Empresa
De balde.


VISITA AO PAZO DE MARIÑAN.
Data prevista: Sábado 14 de outubro de 2017
Viaxe en autobús en colaboración coa Asociación Palaestra. Visitaremos o Pazo de Mariñán. Estase intentando visitar tamén o Museo Carlos Maside e deste xeito poder ollar outras obras de Lugrís, completando a visita realizada a finais de agosto.
Horario: Saída dende o CUR ás 16,00
Cota: 10 euros co autobús. Os viaxeiros recibirán ademais un libro sobre o interior do Pazo editado pola Asociación Palaestra.

VISITA AO CASTRO DE BAROÑA NO BARBANZA.
Data prevista: Domingo 22 de outubro de 2017
A viaxe ao Barbanza terá como destino visitar o Castro de Baroña e o Complexo Dunar de Corrubedo.
A Coruña - Corrubedo son 145 quilómetros. Baroña está a 20 quilómetros de Corrubedo.
Na visita buscaremos tempo para achegarnos ao Dolmen de Axeitos e a algún xacemento arqueolóxico máis.
Estamos a determinar os horarios, pero sería visita dun día.

VISITA A LUGO.
Data prevista: Sábado 28 de outubro de 2017
Lugo xa é coñecido, pero nesta escapada visitaremos a Casa do Mitreo (situada na Casa do Saber da Universidade de Santiago de Compostela) e o Museo Provincial.
Horario: Saída dende o CUR ás 15,30
Para os que vaian pola súa conta, a hora de encontro na Casa do Mitreo sería ás 17,00.
Cota viaxe en furgoneta 9 prazas: 10 euros.

Durante este curso tamén queremos facer visitas a diferentes saltos de auga que existen en Galicia, sendo a mellor época para facelo en outono e primavera e despois de que choiva. Iremos informando do que se vaia programando.

Para anotarse en calquera destas visitas PREME NESTE FORMULARIO

Para anotarse na lista de correo das nosas actividades e ser dos primeiros en informarte no futuro PREME AQUI

Lembra que tamén estamos presentes no Facebook como @INCUDE

Bases do V Campionato Interno de Xadrez en Liña da Universidade da Coruña

Xa por quinta vez, desde INCUDE queremos convidarte a participar no campionato interno de xadrez en liña da UDC.



Bases do V Campionato Interno de Xadrez en Liña da Universidade da Coruña

1. Poderán participar todos os membros da comunidade universitaria da UDC: estudantado, persoal de administración e servizos, persoal de proxectos e convenios, e persoal docente e investigador. Do mesmo xeito, poderán participar tamén os socios de INCUDE e CIDU, e os alumnos egresados da Universidade da Coruña.

2. A plataforma de xogo será www.chess.com. Os participantes deberán ter unha conta na devandita páxina, completamente gratuíta, e poderán xogar as partidas tanto vía web como a través das aplicacións gratuítas para móbil existentes.

3. O torneo dará comezo o 15 de novembro de 2017. Todos os participantes deberán enviar unha mensaxe ao enderezo de correo electrónico incude@udc.es indicando o seu nome, apelidos, centro/servizo e usuario en chess.com antes do 12 de novembro.

4. A inscrición é gratuíta e non hai límite de prazas.

5. O sistema de xogo será de dobre round-robin (todos contra todos con ambas cores), cunha fase previa de grupos e unha posterior fase final, en función do número de participantes. A fase final, de habela, comezará en canto rematen todos os grupos da fase previa. En cada grupo xogarase contra todos os rivais á vez, primeiro cunha cor e logo coa contraria. Na fase final os xogadores non serán eliminados, senon que quedarán divididos en diferentes grupos en función do seu nivel, con opción a premio ao mellor do seu grupo.

6. O ritmo de xogo será de tres días por xogada para toda a partida, con dereito a vacacións.

7. Os sistema de desempate será o empregado por chess.com en primeiro lugar (sonnenberg-berger) e, de ser necesario, os seguintes desempates aplicados pola organización: (1) sonnenberg-berger, (2) maior número de victorias, (3) maior número de victorias con negras, (4) resultado particular, e (5) sorteo.

8. A organización resérvase o dereito de adxudicar o resultado dunha partida se cre que se está alongando de xeito malintencionado evitando innecesariamente a finalización do torneo. Non está permitido usar as vacacións para alongar intencionadamente unha ou varias partidas.

9. Non está permitido empregar módulos, bases de finais, ou consultar a outros xogadores. Si están permitidos libros de aperturas ou libros de calquera outra temática tanto físicos como virtuais. As decisións da plataforma de chess.com con respecto as trampas son inapelables. Se a organización entende que un xogador está a empregar módulos, este será expulsado do torneo.

10. Premios: Trofeo para os tres primeiros. A organización reservarase o dereito de dar premios aos gañadores dos diferentes grupos.

11. A participación no torneo supón a aceptación das presentes bases.