xoves, 26 de xuño de 2025

Resume Torneo LOL

O torneo de League of Legends deste ano rematou coa vitoria do equipo Royal Academy, capitaneado por Mario Sánchez, estudante do grao en Ciencias Empresariais, que se impuxo na final a CMamo, liderado por Miguel Faraldo, do grao en Humanidades, Lingua e Filoloxía Inglesa. 

Foi un torneo de dous meses de duración, no que se completou o cupo de equipos e, especialmente nesta edición, destacouse pola creación dunha comunidade activa e un ambiente excelente. Moitas persoas ofrecéronse voluntariamente para comentar, streamear e axudar coa organización, e mesmo se organizaron partidas internas entre a xente do servidor de Discord, o que contribuíu a que se coñecera máis xente e se xerara un bo grupo arredor do torneo.


Info completa: https://docs.google.com/spreadsheets/d/11IdcGKqG9nE8Gnw-BpfuSoPfFPhuIZZy9bwySDs0Crs/edit?gid=1284667501#gid=1284667501







luns, 16 de xuño de 2025

I Concurso de Microrrelatos Irmandiños

As asociacións CHERINKAS E INCUDE convocan o I Concurso de Microrrelatos Irmandiños no marco do Asalto ao Castelo de 2025.

Animan a todas as persoas con querenza pola narrativa breve a participar no concurso, cuxo tema central terá que ver coa revolta irmandiña. O fin de prazo de inscrición remata o 27 de xuño. As bases do concurso pode consultarse a continuación:

1. Participantes: Aberto a todas as persoas.

2. Temática: Revolta Irmandiña.

3. Extensión: Máximo de 50 palabras.

4. Idioma: Galego.

5. Envío: A través de incude@udc.gal.

6. Modo de inscrición: envío do relato en documento adxunto (con título e pseudónimo) e  noutro documento os datos persoais (nome completo, DNI, localidade, teléfono e correo electrónico).

7. Prazo: Ata o 27 de xuño de 2025.

8. Premios: Trofeo da asociación para os tres mellores relatos.

9. Xurado: Decidido pola Xunta Directiva de INCUDE, con decisión inapelable.

10. A cerimonia de entrega de premios terá lugar no día central do Asalto, isto é, o primeiro sábado de xullo, á hora disposta na programación.

11. A recollida dos premios será presencial. No entanto, se por algún motivo a persoa premiada non pode acudir, pode delegar noutra persoa facendo constar os datos da persoa que substitúe á premiada a través do correo arriba indicado. 

12. Publicación: Os relatos presentados, sexan ou non premiados, pasarán a pertencer á entidade organizadora do certame e, por tanto, poderán ser publicados.

13. A participación no concurso implica a aceptación íntegra destas bases.

luns, 5 de maio de 2025

Catro en liña

Neste 2025 imos facer varios torneos de 4 en liña.

No primeiro celebrado hai uns días o vencedor foi Franco Gabriel.

O vindeiro sábado teremos un novo torneo dentro das nosas actividades no Día da Ciencia na Rúa.

Queres vir e probar? Ás 16,00 no Parque de Santa Margarida.

venres, 25 de abril de 2025

Irmandiños

Din algunhas fontes que foi un 25 de abril de 1467 que caeu o primeiro castelo na Gran Revolta Irmandiña. Era o Castelo Ramiro en Ourense.

Nos temos unha cita no Asalto ao Castelo de Vimianzo o 5 de xullo. Vai reservando a data!

mércores, 19 de marzo de 2025

II Torneo de LOL por equipos

Presentamos un novo torneo de LOL, neste caso por equipos. 

É necesario que polo menos dous membros do equipo formen parte da UDC, polo que se pedirá o correo na inscrición a estes  participantes. O tamaño máximo dos equipos será de 6, tendo un suplente por equipo.

INSCRICIONS ATA O DÍA 30 DE MARZO

O torneo será por xornadas dunha semana de duración, e os enfrontamentos faranse preferentemente de venres a domingo. Os horarios para xogar cada rolda unicamente terán unha data límite (domingo ás 23:59) até a cal será posible xogar o encontro. Os equipos implicados en cada partida deberán falar entre eles e acordar unha hora e día que lles resulte conveniente aos dous. En caso de ser imposible concretar unha hora antes da data límite, porse en contacto co staff do torneo.

Premios: 
Campións: Trofeo e vale de pizza para cada membro do equipo presente na entrega de trofeos.
Subcampións: Vale de pizza para cada membro do equipo presente na entrega de trofeos.



Nota:
Para aqueles xogadores sen equipo e que desexen xogar temos no discord un espazo para completar equipos: https://discord.com/invite/yTwdVedCbV

xoves, 19 de setembro de 2024

II Torneo de LOL Individual

Tras o éxito na primeira convocatoria no curso pasado, lanzamos de novo o torneo de LOL na súa versión de 1 vs 1.

Así anunciamos a segunda edición do torneo individual de League of Legends. O único requisito é ser membro da UDC e entrar no servidor de Discord do torneo. O formato constará dun cadro de dobre eliminación con encontros ao mellor de tres partidas.

Onde anotarse?

No seguinte formulario:

https://forms.gle/C4iKNMriN5M1xhxB9

Calquera dúbida podes escribirnos a incude@udc.es

domingo, 25 de agosto de 2024

Resultados Torneo LOL

 Crónica Torneo LoL

Ao remate do curso finalizou o I Torneo de LoL de INCUDE por equipos. Tras unha fase previa en formato suízo, os seis primeiros equipos pasaron a unha fase final da que resultou vencedor o equipo ‘Despido Improcedente’, capitaneado por Mario Sánchez, estudante do Grao en Ciencias Empresariais.

O torneo xuntou a máis de 100 xogadores en 21 equipos, nos cales se pedía que a metade dos membros fosen estudantes da UDC. 

Estamos agradecidos da gran participación neste evento e procuraremos de facer máis no futuro. 

PREME PARA VER MAIS DATOS