venres, 17 de outubro de 2014

En xogo o II Campionato el liña da UDC

Comezou por fin o II Campionato el liña da UDC. Foron en total 40 os inscritos ao campionato, dos que comezaron finalmente 38. Xogaranse en 5 grupos dos que pasarán os dous mellores de cada grupo á fase final.

Destacada participación dos universitarios da facultade de informática, que a elevan á cifra de 13 xogadores. Outros centros con variada participación son os de economía e empresa con ata 7 xogadores, ciencias con 4 e arquitectura con 3.

sábado, 11 de outubro de 2014

Visita ao Castelo de Santa Cruz e ao CEIDA

Hoxe, día 11 de outubro de 2014, tivo lugar a visita ao Castelo de Santa Cruz dentro das iniciativas para o fomento da cultura e do coñecemento do patrimonio histórico de Galicia.
O Castelo de Santa Cruz esta situado e pertence ao concello de Oleiros. Tratase dunha illa no golfo Ártabro unida por unha pasarela, aínda que ao chegar a marea estaba baixa e permitía que se puidese chegar pola area.
Na visita contamos coas inestimables explicacións dunha especialista do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia. Tivemos ocasión de coñecer a historia do castelo dende o motivo da súa construción, despois do asalto do pirata Francis Drake, ata as diversas remodelacións. Dentro das lendas que rodean a este castelo está a do canón "Barraco" que se di que nunca puido sacarse da illa e posiblemente estea enterrado na mesma.
Outro dato curioso que nos deixou esta visita foi poder ver o único pombal soterrado de Galicia que, por certo, aínda ten pombas que habitan tan orixinal lugar.

Os asistentes concluímos que foi unha visita moi interesante. Dende INCUDE esperamos poder ofrecer mais iniciativas desta índole, tal e como nos solicitaron gran parte dos asistentes.

luns, 6 de outubro de 2014

Últimos días para apuntarse as nosas excursións


Este MERCORES 8 DE OUTUBRO remata o prazo para reservar praza nas nosas excursións!

A pasada excursión ao Castro de Elviña tivo boa participación. e o vindeiro fin de semana temos dúas propostas diferentes

Sábado 11 de outubro: O CEIDA
Situado no Castelo de Santa Cruz, é o Centro de divulgación ambiental da Universidade.
Faremos unha visita guiada saíndo en autobús do Centro Universitario de Riazor ás 11,00.
Mándanos o teu nome e centro a incude@udc.es

Domingo 12 de outubro: SAN FROILÁN
É o chamado Domingo das Mozas.
A idea é sair para estar en Lugo ás 12,00 e partir de Lugo de regreso sobre as 19,30.
Deberíamos visitar a Domus do Mitreo, por aquelo de ver o que fan culturalmente outras Universidades Galegas. Pero o certo é que este día hai un amplo programa de actividades:
Feira de antigüidades e coleccionismo, actividades de cestería, Feira Medieval, Misa en latín, Espectáculo de pompas de xabón e varios outros.
Mándanos o teu nome e centro a incude@udc.es

E lembra que o 10 de outubro remata o prazo para inscribirse na segunda edición do Torneo de Xadrez en liña. Tes todos os detalles en http://iniciativasuniversitarias.blogspot.com.es/2014/09/ii-campionato-interno-de-xadrez-en-lina.html