xoves, 27 de setembro de 2018

ACCIONS CURSO 2018-2019

Aproveitando a celebración da Xornada de Benvida aos novos alumnos da UDC, queremos presentar algunhas das accións que desenvolveremos ao longo deste curso:

1. XADREZ
A actividade que deu inicio á nosa asociación. Nestes días estamos organizando as actividades para o vindeiro curso: desde clases de iniciación a torneos en liña, pasando polos torneos tradicionais e a participación na Liga de Xadrez. Podes ver as nosas actividades en www.xadrezuniversitario.org

2. XOGOS DE MESA
Xogos que van desde os clásicos xadreces xaponés e chinés aos populares xogos de Colonos de Catán e Carcasonne. No pasado 2017 INCUDE deseñou e publicou un xogo de taboleiro baseado na revolta irmandiña de 1467.

3. ESPORTS
Novidade do pasado curso 2017-2018. Realizamos diversos torneos de Clash Royale, pero estamos interesados en ampliar o número de xogos.

4. IMPRESORA 3D
Xornadas de creatividade e makers coa nosa impresora 3D. Onde facemos as pezas dos taboleiros murais de xadrez, fichas para xogos de mesa e calquera outra cousa que pase pola túa imaxinación e que a impresora sexa capaz de facer.

5. ECOLOXÍA
No pasado mes de xuño demos os primeiros pasos para crear unha entidade que teña como fin a sustentabilidade e a conservación natural.

6. PATRIMONIO HISTÓRICO
Tamén en xuño iniciamos os contactos con outras entidades da cidade para crear unha nova asociación que promova a conservación e coñecemento do patrimonio histórico.

7. ACCIÓN SOCIAL
Nos últimos anos produciuse o abandono da Universidade por motivos económicos de estudantes sen dereito a bolsa por diferentes circunstancias. INCUDE pode axudar nalgúns poucos destes casos e realizaremos tres accións:
1. Piso de xadrecistas.
Onde se axudará a membros da sección de xadrez e outros gamers, no que certos gastos do piso estarán cubertos a cambio de axudar nas actividades de INCUDE.
2. Monitores e colaboradores.
Este ano estrearemos un programa de monitores, en principio para xadrez pero con idea de amplialo a calquera outra actividade. Sabes de mecánica de coches? de cociña? de robótica? A idea é facer máis actividades e axudar aos monitores.
3. Axuda na procura de emprego.
INCUDE promoverá a creación dun ente que axude á procura de emprego aos universitarios e postuniversitarios recentes, así como a dar a coñecer entre os mesmos as diferentes axudas posibles a través de FEUGA, FUAC, Xunta e Concellos, animando á creación da Asociación de Antigos Alumnos.

8. XEIRAS
Periodicamente facemos algunha visita turística e cultural. Este curso algún anda comentando de ir ao Porto ou Lisboa. Interésache?

9. FESTAS!!
En colaboración con outras entidades e empezando coa que hoxe día 27 hai no Playa e coa que queremos dar a benvida ao novo curso.

Seguro que hai algunha destas cousas que son do teu interese e se non... por que non propoñes algo novo? Estaremos encantados de escoitarte. No noso facebook ou en incude@udc.es


Ningún comentario:

Publicar un comentario