O pasado 9 de maio INCUDE volveu participar no Día da Ciencia na Rúa.
Este ano consolidamos unha proposta renovada, introducindo unha novidade moi aliñada cunha das nosas actividades habituais: os xogos de taboleiro en colaboración con AGAXogos, a nova sección da Asociación Galega de Xadrecistas (AGAX).
Un reto de localización, pero cunha gran resposta
Esta edición estivo marcada por unha circunstancia loxística peculiar. Mentres que o groso das xaimas se concentrou (co seu bulicio habitual) nos Xardíns de Méndez Núñez, a nosa instalación estivo situada na ubicación habitual nos soportais da Casa das Ciencias.
Estar fóra do circuíto principal fixo que, inevitablemente, tivésemos unha menor afluencia total de público en comparación con outros anos. Porén, lonxe de desanimarnos, a resposta dos que se achegaron foi inmellorable. A participación foi boa! Familias, mozos e curiosos demostraron que as ganas de estrucar o cerebro e pasar un bo rato están presentes en toda a cidade.
Un día enteiro de xogo libre e retos de enxeño
Durante toda a xornada, o noso espazo mantivo unha oferta continua de actividades libres para todos os públicos:
Dominó de derribo: Unha proposta moi dinámica con pezas dispostas para ser derrubadas en cadea.
Tangram: Desafíos xeométricos que puxeron a proba a visión espacial dos participantes.
Catro en Liña: Partidas rápidas que engancharon a grandes e pequenos.
Xogos de lóxica e puzles de madeira: Pequenos retos individuais que esixiron altas doses de paciencia e enxeño.
Estratexia de mesa: Grazas á colaboración con AGAX, puidemos difundir e gozar dos xogos de mesa Ciudadelas e Star Wars: La Batalla de Hoth ademáis no noso propio Irmandiños.
A fotografía que ilustra esta crónica amosa un momento de máxima concentración durante o Torneo de Catro en Liña, no resultou vencedor Luca Grygar.
Grazas a todos os que vos achegastes ós soportais a xogar, pensar e gozar connosco. E especialmente á Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e ó Concello da Coruña por facer posible esta xornada. Vémonos na próxima edición!