domingo, 5 de xullo de 2026
Xornadas Irmandiñas 2026
mércores, 1 de xullo de 2026
Pregón-Resolución do II Concurso de Microrrelatos Irmandiños 2026
QUE o xuri do II Certame de Microrrelatos Irmandiños recoñece o mérito dos textos presentados, e agradece a participación xenerosa da comunidade intra e extramuros
QUE a decisión dos premios concedidos a seguir é inapelábel
QUE as persoas que se mencionarán a continuación, pasen a recoller ipso facto as recompensas que no exercicio do seu labor literario lles foron concedidas
QUE o microrrelato ao que se lle outorga o 3º premio, intitulado Herdeiros da cinza, resultou ser autoría de Alba Prieto Ramil, de Ortigueira
QUE o microrrelato ao que se lle outorga o 2º premio, intitulado Lume, resultou ser autoría de Pablo Ferreiro Amigo, de Vimianzo
QUE o microrrelato ao que se lle outorga o 1º premio, intitulado Un soño de loita, resultou ser autoría de Antía Dosil Bermúdez, de Vigo
QUE, letras mediante, o xuri e a organización desde Certame teñen a intención de darlle continuidade no futuro e que, por tanto, no futuro agardarmos volver a vernos
Dito foi e dito queda por Alonso II de Fonseca, amo e señor destas terras e magno mecenas das artes.
sábado, 27 de xuño de 2026
Noites de Xogos
domingo, 14 de xuño de 2026
3º Premio do I Concurso de Microrrelatos Irmandiños 2025
Por orde do señor Alonso II de Fonseca, dono e señor destas terras e magno mecenas das artes, FAISE SABER
QUE o microrrelato ao que se lle outorga o 3º premio, intitulado SÉCULO X(V)XI resultou ser autoría de CARMEN LÓPEZ DE RAMÓN, de Cee.
- Fóra inxustizas! Liberade ao pobo! -berraba Pepa.
- A mamá perdiu a cabesa, pensa que andamos no medio dunha revolta irmandiña do século XV -sinala ao castelo mentres pasea cunha amiga.
As dúas ollan a fortaleza. Salta unha noticia no móbil, «Israel bombardea de novo Palestina».
- Quizais non estea tan confundida…
Anímate a participar no concurso de relatos deste 2026! Aquí tes as bases:
2º Premio do I Concurso de Microrrelatos Irmandiños 2025
Por orde do señor Alonso II de Fonseca, dono e señor destas terras e magno mecenas das artes, FAISE SABER
QUE o microrrelato ao que se lle outorga o 2º premio, intitulado A MIÑA LOITA resultou ser autoría de DIANA LOIS PARDO, de Pontevedra.
O meu home morreu escravo do señor. O meu fillo, de fame.
Erguín a fouce coas mans sangrantes e a alma ardendo.
Non fun soa: viñeron irmás, vellas e novas.
Xuntas tombamos pedras e medos.
Caeu o castelo. A vinganza soubo a xustiza.
E por fin, tamén nós fixemos historia.
Anímate a participar no concurso de relatos deste 2026! Aquí tes as bases:
1º Premio do I Concurso de Microrrelatos Irmandiños 2025
Por orde do señor Alonso II de Fonseca, dono e señor destas terras e magno mecenas das artes, FAISE SABER
QUE o microrrelato ao que se lle outorga o 1º premio, intitulado O FÍO DA FOUCE resultou ser autoría de IRIA IGLESIAS MOURIÑO, de Santiago de Compostela.
Das cinzas herdei o silencio dos que calaron, a fouce no meu puño, pesada e fría.
Camiño sen medo, sabendo que o lume non morre, que a historia latexa en cada paso meu.
Anímate a participar no concurso de relatos deste 2026! Aquí tes as bases:
luns, 8 de xuño de 2026
II Concurso de Microrrelatos Irmandiños
martes, 12 de maio de 2026
Participación no Día da Ciencia na Rúa 2026
O pasado 9 de maio INCUDE volveu participar no Día da Ciencia na Rúa.
Este ano consolidamos unha proposta renovada, introducindo unha novidade moi aliñada cunha das nosas actividades habituais: os xogos de taboleiro en colaboración con AGAXogos, a nova sección da Asociación Galega de Xadrecistas (AGAX).
Un reto de localización, pero cunha gran resposta
Esta edición estivo marcada por unha circunstancia loxística peculiar. Mentres que o groso das xaimas se concentrou (co seu bulicio habitual) nos Xardíns de Méndez Núñez, a nosa instalación estivo situada na ubicación habitual nos soportais da Casa das Ciencias.
Estar fóra do circuíto principal fixo que, inevitablemente, tivésemos unha menor afluencia total de público en comparación con outros anos. Porén, lonxe de desanimarnos, a resposta dos que se achegaron foi inmellorable. A participación foi boa! Familias, mozos e curiosos demostraron que as ganas de estrucar o cerebro e pasar un bo rato están presentes en toda a cidade.
Un día enteiro de xogo libre e retos de enxeño
Durante toda a xornada, o noso espazo mantivo unha oferta continua de actividades libres para todos os públicos:
Dominó de derribo: Unha proposta moi dinámica con pezas dispostas para ser derrubadas en cadea.
Tangram: Desafíos xeométricos que puxeron a proba a visión espacial dos participantes.
Catro en Liña: Partidas rápidas que engancharon a grandes e pequenos.
Xogos de lóxica e puzles de madeira: Pequenos retos individuais que esixiron altas doses de paciencia e enxeño.
Estratexia de mesa: Grazas á colaboración con AGAX, puidemos difundir e gozar dos xogos de mesa Ciudadelas e Star Wars: La Batalla de Hoth ademáis no noso propio Irmandiños.
A fotografía que ilustra esta crónica amosa un momento de máxima concentración durante o Torneo de Catro en Liña, no resultou vencedor Luca Grygar.
Grazas a todos os que vos achegastes ós soportais a xogar, pensar e gozar connosco. E especialmente á Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e ó Concello da Coruña por facer posible esta xornada. Vémonos na próxima edición!
