xoves, 29 de xuño de 2017

Piso de xadrecistas

Para o vindeiro curso 2017-2018 temos unha novidade; O Piso de Xadrecistas.
Se xogas e queres participar no noso equipo, se non xogas pero queres aprender e axudarnos coas nosas actividades, tes aquí a túa oportunidade.
E mesmo se sodes un grupo xa conformado para ir a un piso e queredes colaborar, podedes facelo.
PISO DE XADRECISTAS
Este programa xorde por iniciativa de INCUDE e consiste nun programa básico que favorece o aloxamento compartido entre xadrecistas universitarios do Campus da Coruña.

Non é necesario contar cun nivel alto de xogo, simplemente participar no equipo de xadrez de INCUDE e colaborar coas actividades da nosa entidade.
Mesmo é posible participar no caso de non xogar ao xadrez pero estar disposto a aprender.

O obxectivo do programa é o de promover e facilitar a convivencia e relación solidarias entre xadrecistas que sexan estudantes da Universidade da Coruña.
Como obxectivo secundario búscase contar cun pequeno espazo para fomentar actividades de xadrez e doutros xogos de taboleiro.
Axuda:
INCUDE asumirá algúns dos custos de subministros do piso de estudantes, tales como seguro, internet, electricidade ou auga.  Mesmo nalgunhas ocasións podería incluir alimentos.
A cuantía e duración da axuda estará determinada pola implicación dos residentes nas actividades de INCUDE, non incluíndo nunca o propio aluguer que deberá estar ao nome dos residentes.

Destinatarios:
O programa vai dirixido a estudantes maiores de 18 anos e menores de 35 anos con matrícula nalgunha das titulacións oficiais do  campus da Coruña.
Será requisito imprescindible participar no equipo de xadrez de INCUDE na tempada 2017-2018, o que lles obrigará a dispoñer dalgunhas  horas  ao mes para contribuir á realización das actividades propias de INCUDE.

En caso de existir vacantes poderán solicitar participar nesta actividade exalumnos da UDC menores de 30 anos e outros xogadores do equipo de xadrez do CIDU.
Duración:
O acordo terá unha duración dun curso académico coa posibilidade de  prorrogalo cada curso.
O período de proba de convivencia será dun mes.

Selección:
Os solicitantes serán convocados a unha entrevista persoal.

A presentación da solicitude para a participación no programa implica a aceptación das bases e das decisións que sobre o mesmo tome a Xunta Directiva de INCUDE.

>>> SOLICITUDE <<<